Nunha visión global da Educación a día de hoxe vemos como mentres en países desenvolvidos existe o que se podería considerar un sobre-exceso tecnolóxico, nos menos favorecidos dáse unha carencia perpetua de profesorado a pesar de que a Educación é unha das chaves para saír da pobreza.
Aulas dixitais
Cortesía de Educat AF, este gráfico amósanos o que sería unha aula dixital hoxe en día ou o obxectivo TIC a acadar na aula. En moitos países do noso contorno vanse implantando proxectos de modernización que dotan deste equipamento a polo menos unha aula por centro. Por un lado temos o equipamento destinado ao profesor/a para dar a clase: o seu propio ordenador, canón proxector e pizarra dixital interactiva. Os materiais son libros de texto dixitais ademais doutros recursos elaborados polo profesor/a ou ao seu alcance a través de Internet. Fronte ao educador os alumnos, cada un co seu propio dispositivo BYOD (Bring Your Own Device, literalmente "trae o teu propio dispositivo"), calquera tecnoloxía ao alcance do alumno/a como: tablets, smartphones, notebooks, e-readers, ou portátiles. Este equipamento pode pertencer ao propio alumno/a ou ser proporcionado polo centro. Dentro dos materiais ao seu alcance, a maiores dos libros de texto, terían os libros de texto dixitais e outros recursos TIC. Dependendo do dispositivo empregado, se pode dispoñer dun armario de carga para evitar o cableado na aula. Ademais, as aulas poden dispoñer, ou de non ser así poden incluírse a nivel de centro, escáner ou impresora/fotocopiadora. Este sería un pouco o modelo de aula que se ten como obxectivo tecnolóxico hoxe en día, implantado en maior ou menor medida segundo o país, rexión, ou centro educativo.
Escaseza mundial de educadores
Fronte ao modelo anterior, a realidade en case todo o mundo é ben distinta, amosando en primeiro lugar unha grande carencia a nivel humano e representada pola escaseza de profesorado. Na seguinte infografía elaborada pola UNESCO, preséntanse datos referidos ao número de profesores por alumno destacando os casos máis graves e relacionándoo co número de nenos sen escolarizar. Destaca o feito de que a media da OCDE (o que se considera máis desexable) sexa 21 alumnos por profesor, cifra que nalgúns países será incluso menor. Esta cifra vai medrando conforme vai aumentando o nivel de pobreza de cada país. Isto pode levarnos a unha dobre conclusión. Primeiro, a masificación nas aulas, tema tan a debate nestes días de crise económica, podemos considerala un síntoma de pobreza extrema e algo que todos os países buscan evitar, entendéndose en todo o mundo que a calidade da educación atópase directamente relacionada co número de profesores por alumno, como resulta evidente. Segundo, pon de fincapé a cuestión de se precisamente dáse esta pobreza educativa por causa da pobreza económica, ou se realmente o feito de non ter unha boa educación é o que impide saír da pobreza económica.
A educación como camiño para saír da pobreza
¿É a educación un camiño para saír da pobreza? Os datos que nos amosa a USAID, a Axencia dos Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional, din que si. A nivel global un bo sistema educativo proporciona beneficios económicos, sociais e médicos. En países onde podemos considerar que a maioría da poboación vive dentro do limiar da pobreza, a educación básica repercute directamente na esperanza de vida, sobre todo para os nenos. Ademais, só con ter a ensinanza básica vese unha mellora na produtividade e retribución de cada persoa, que se incrementa con cada ano de escolarización a maiores. Xa na idade adulta, destaca o seu efecto na prevención de certas enfermidades e epidemias, o que á súa vez ten tamén beneficios económicos. Á vista dos diferentes datos, vese claramente que educación e pobreza van da man, e que a primeira pode ser a cura da segunda.