Aplicacións deportivas para Educación Física en Android (Parte I)

 

Aplicacións para Educación Física en Android

 

En Android dispoñemos dunha serie de aplicacións que nos poden resultar útiles como complemento ao realizar actividades deportivas ou durante a clase de Educación Física. Estas aplicacións permitirannos empregar os nosos dispositivos móbiles como ferramentas de medición e monitorización da actividade, empregalas como asistentes para a adquisición de hábitos saudables, como utilidades complementarias en deportes específicos ou simplemente para ocio e entretemento.

 

 

Aplicacións de monitorización deportiva para Educación Física

En artigos anteriores víamos que era Androidcomo instalar aplicacións en Android e algunhas das aplicacións imprescindibles dentro da categoría de Ofimática. Outro grupo de aplicacións destacadas son aquelas que podemos incluír na categoría de Deportes ou Educación Física. Grazas a estas aplicacións o noso dispositivo móbil pódese converter nun complemento ou gadget durante a realización dalgunha práctica deportiva. Neste  uso concreto obteremos unha maior utilidade en Smartphones que en Tablets, debido ao seu tamaño, sendo ademais necesario dispoñer dunha funda ou brazalete deportivo que nos permita levalo posto de xeito cómodo mentres realizamos o exercicio. As funcións principais de monitorización comúns á maioría de aplicacións, pasan pola localización e seguimento vía GPS, ademais de calcular velocidade, ritmos medios por tramos, así como estimacións de calorías queimadas e outros elementos relacionados coa saúde.

 

Runtastic

Esta aplicación monitoriza a actividade deportiva permitíndonos ver os nosos progresos: tempo, distancia, velocidade, ritmo, calorías, altitude, etc... Permítenos poñer obxectivos aos nosos adestramentos, compartir os logros a través das redes sociais (Google+, Facebook ou Twitter), obter gráficos con información sobre altitude, ritmo medio por tramo, velocidade e ritmo cardíaco. Ten outras mini-aplicacións específicas para deportes concretos como ciclismo de estrada ou montaña, flexións, abdominais e outras aplicacións asociadas para exercicios concretos. Actualmente atopamos rexistrados na súa base de datos preto de 50 deportes ou exercicios. Coa funcionalidade Runtastic Earth View podes ver os adestramentos en 3D, incluíndo montañas, monumentos ou outros edificios, se tes instalado Google Earth. Permite exportación de datos en formatos GPX e KML (para Google Earth). É gratuíta cunha versión Premiun para o móbil e Gold para a web con características ampliadas.

Vídeo presentación de Runtastic

 

Máis información e descarga: Sitio web oficial de Runtastic.

 

 

Endomondo

Trátase dunha aplicación moi semellante á anterior, que permite rexistrar todo tipo de deportes aeróbicos pero tamén anaeróbicos como levantamento de pesas, rexistrando preto de 50 deportes. Respecto á anterior, presenta a novidade de permitir definir quendas de adestramento. Ademais das características comúns a estas aplicacións como seguimento en mapas ou interacción en redes sociais, permite visualizar a frecuencia cardíaca e a humidade relativa, destacando sobre todo polo envío de información a través de sons sobre a monitorización do exercicio pero tamén recibindo palabras de ánimo en modo voz a partir de comentarios dos nosos contactos en las redes sociais. Permite exportación de datos en formatos GPX e TCX. É gratuíta cunha versión Premiun para o móbil e Lounge para a web con características ampliadas.

Vídeo presentación de Endomondo

 

Máis información e descarga: Sitio web oficial de Endomondo.

 

 

Strava

Strava é unha aplicación que en principio só permite rexistrar os resultados a corredores e ciclistas, sendo dúas aplicacións específicas, unha para cada deporte. Os resultados que obtén son os típicos de velocidade, ritmo medio, frecuencia cardíaca, etc… Temos un perfil que nos permite formar parte da rede social de Strava, facendo amigos e amosando as nosas estadísticas dos últimos meses, rexistros persoais e marcas. Ademais podemos formar clubs, a modo de grupos de usuarios, pero quizais a opción máis destacada sexa a creación de segmentos ou tramos. Estes segmentos son como etapas ou circuítos, como pode ser subir a un porto de montaña, que podemos gardar en modo privado ou público. Podendo consultar os segmentos de outros usuarios a modo de reto, obtendo unha clasificación mundial dos tempos para cada tramo, o que pode darlle un compoñente lúdico e motivador moi interesante a esta ferramenta.

Vídeo presentación de Strava

 

Máis información e descarga: Sitio web oficial de Strava.

 

 

RunKeeper, Google My Tracks, Moves, e moitas máis...

Estas aplicacións seguen o formato das anteriores pero presentan características máis limitadas ou interfaces máis doadas o que fai que se adapten mellor para usuarios ou deportistas ocasionais. Se por exemplo unha persoa só vai a camiñar pódelle resultar máis cómodo empregar unha aplicación deste tipo. Por exemplo, aplicacións como Moves ou AndAndo, esta última española, fan un seguimento de actividades diarias, máis semellantes a podómetros, para rexistrar os nosos movementos ao longo do día. Moves inclúe unha funcionalidade moi curiosa como é a de realizar un seguimento das actividades diarias para representalas despois a modo de liña de tempo.

Captura Moves

Captura de Moves

Captura AndAndo

Captura de AndAndo

Outras aplicacións como RunKeeper ou Google My Tracks ofrecen funcionalidades moi similares a Runtastic ou Endomondo, pero realmente quédanse algo curtas ao comparalas con elas, como ter rexistrados menos deportes ou presentar menos datos de monitorización, aínda que acostuman incluír algunha característica que as diferenza, como a representación de mapas en modelos 3D ou a integración con outras aplicacións de terceiros ou gadgets externos.

Captura RunKeeper

Captura de RunKeeper

Captura Google My Tracks

Captura de Google My Tracks

 

Noom Weight

Noom é unha aplicación que monitoriza tamén as actividades deportivas que realizamos pero co obxectivo último de axudarte a perder ou controlar o peso. Toma como punto de partida os teus datos básicos: idade, altura, solicita e mantén un historial de peso ao longo do tempo, datos que evidentemente inserimos a man sendo medidos por outros medios. A partires destes datos e o peso desexado indica un límite de calorías para cada día, que debes cumprir se queres chegar ao teu peso obxectivo. Debe rexistrarse cada comida para sumar as calorías correspondentes cunha base de datos de alimentos predefinida que nos indica as calorías estimadas para diferentes cantidades de alimentos. A isto resta a nosa actividade diaria, rexistrando as nosas actividades e exercicios diarios, estimando as calorías queimadas en cada unha delas. Periodicamente exerce de adestrador, motivando os progresos que realicemos ou avisándonos de que temos que analizar os nosos hábitos. Tamén ofrécenos pequenas suxestións e textos periódicos cada día, en ocasións como mini-obxectivos diarios, con hábitos saudables, como tomar varias pezas de froita ao día ou camiñar mil pasos. Para reforzar todo isto, puntúanos ao conseguir estes mini-obxectivos, realizar actividades ou rexistrar cada comida. Cos puntos imos subindo de niveis motivando o noso esforzo e indicándonos así que estamos a realizar un grande traballo.

Vídeo presentación de Noom

 

Máis información e descarga: Sitio web oficial de Noom Weight.

 

 

Test de Cooper

Test de Cooper consiste en realizar un test do nivel físico a partir dunha medición de referencia inicial durante doce minutos. En función do resultado desta proba amosa estimacións para carreiras de maior distancia. Actualmente incorpora tres deportes: natación, ciclismo e correr. Os resultados inclúen a VO2Max estimada (cantidade máxima de osíxeno que o organismo pode absorber, transportar e consumir por unidade de tempo determinado) e o tempo estimado para as seguintes carreiras: unha milla (aproximadamente quilómetro e medio), 5 quilómetros, 10 quilómetros ou un maratón.

Captura Test de Cooper

Captura Test de Cooper

Capturas da aplicación Test de Cooper

 

 

 

 

Por último, inclúese a modo de resumo un taboleiro de Pinterest onde se amosan estas e outras aplicacións da categoría Android - Educación Física coa ligazón á súa páxina na tenda de Google Play Store ou sitio web oficial para facilitar a súa instalación ou obter máis información.

 

>Seguir o taboleiro de Gabit: Android - Educación Física en Pinterest.

 

 

 





Gabit © 2024, todos os dereitos reservados.


Gabit es e-learning, formación, publicación de cursos moodle, diseño web innovador y community management desde Galicia.