A subscrición de contidos (RSS/Atom)

 

 

Subscrición de contidos

 

A subscrición de contidos nos permite filtrar e recibir información. Podemos seleccionar as páxinas que nos parezan máis interesantes e dese xeito engadilas nun xestor de subscricións que nos informará de todas as novas publicacións nesas páxinas sen necesidade de ter que ir unha por unha comprobando diariamente se houbo novidades.

 

Subscrición de contidos

A subscrición ou sindicación de contidos é unha opción pola cal páxinas e sitios web poden publicar os seus contidos a través dunha canle que lle permite a aplicacións e servizos ler os seus artigos e publicacións. A maioría de sitios web empregan o formato RSS, aínda que hai outros como Atom, máis moderno pero menos utilizado. Todos eles non deixan de ser formatos de XML distintos para representar a mesma información, que viría sendo unha entrada, artigo ou nova publicación dun sitio web.

Gráfico da subscrición de contidos

Diagrama básico de funcionamento da subscrición de contidos

 

A subscrición de contidos facilita o acceso a contidos dun sitio para que o seu contido se poida integrar noutras páxinas e servizos, e sobre todo polas ferramentas de subscrición, tamén chamadas lectores ou agregadores de feeds. Aplicacións como Feedly, Inoreader, Flipboard, Digg Reader, Netvibes, e moitísimos servizos máis len as entradas das canles RSS para amosalas ao usuario/a de maneira conxunta. Deste xeito un usuario non ten que ir entrando en cada sitio que lle interese, simplemente accede ao lector de subscrición e dunha ollada comproba todas as novidades de todos os sitios web rexistrados.

Por normal xeral cada sitio web (que entre na categoría de Web 2.0) incorporará unha canle de subscrición RSS/Atom, que é unha ligazón válida para incoporar nestes servizos, se ben, hoxe en día aos agregadores abonda con pasarlles a ligazón xeral do sitio, e xa se encargan de buscar directamente a canle de subscrición, facendo este proceso moito máis cómodo para o usuario/a.

Na Web 2.0, moitos sitios web, como son os blogs, permiten incorporar widgets ou extensións, que amosan os titulares das publicacións RSS/Atom doutros sitios, a modo de resumo ou lector de novas. Estes widgets poden ler os contidos dunha ou varias canles e amosalas a modo de titulares de prensa.

 

Introdución á Subscrición de Contidos con RSS/Atom

 

 

Lectores ou agregadores de subscricións

Dispoñemos da varias solucións para acceder a fontes RSS:

  • Clientes de escritorio.
  • Extensións para navegadores.
  • Servizos Web 2.0 en liña.
  • Aplicacións para dispositivos móbiles.

En moitos casos o mesmo servizo incorpora varias solucións conxuntas, polo que podemos facer un maior aproveitamento da conta. Unha das xa comentadas é Feedly, que funciona a través da web e como aplicación para Android e iOS.

 

Icono Feedly Feedly

Feedly é un agregador ou xestor de susbcrición a novas en formatos RSS e Atom que nos informa das últimas publicacións en webs ou blogs que vaian publicando entradas periodicamente. Como nos presenta primeiro un titular e unha pequena descrición de cada entrada, podemos consultar as páxinas moi rápido, descartando aqueles contidos que non nos interesen.

Podemos consultar as fontes por cada sitio web en particular, en xeral ou por temáticas, deixándonos explorar as fontes do sistemas para atopar novos sitios e contidos. Ademais, permítennos gardar as entradas para ler con calma máis adiante, coa opción de gardar ou "Save for later".

Ofrece integración con moitas outras aplicacións externas como Evernote, para deixarnos exportar a ela ligazóns, automatización de tarefas con IFTTT, pasalas a Pocket, etc.

Como tamén é un servizo web 2.0, podemos acceder tanto ao lector como ás webs gardadas dende outros dispositivos ou o noso equipo de escritorio. Dispón dunha aplicación ou app para os principais sistemas operativos móbiles (Android, iOS, Windows Phone, Firefox OS), sendo tamén accesible dende a web.

Captura de Feedly

 

Subscribirnos a un sitio web en Feedly (1)
Subscribirnos a un sitio web en Feedly (2)

Exemplo de como engadir un sitio web en Feedly na súa aplicación móbil

 

Unha vez descargada a aplicación ou accedendo ao sitio web, podemos crear unha conta nova ou acceder con contas xa existentes para Google, Facebook ou Twitter. Para engadir un sitio web novo en Feedly, tan só temos que ir ao menú principal (1), coa icona típica na parte superior esquerda, e ir á opción "Add website" (2). Na nova ventá veremos que solicita nun cadro de texto a ligazón (3), que pode ser tanto a xeral do sitio ou a ligazón específica da canle RSS/Atom. Buscando por un texto ou ligazón nos amosará os resultados que mellor se aproximen e ao seleccionalo xa se agregará. A próxima vez que entremos en Feedly xa nos amosará as novas publicacións deste sitio que acabamos de agregar.

 

Mini-titorial da versión web de Feedly

 

Icono urlSitio web oficial de Feedly.

 

 

Icono Inoreader Inoreader

Inoreader é outro servizo subscrición de contidos que no tocante a funcionalidades resulta moi similar a Feedly. Tamén nos permite facer coleccións de fontes de subscrición, e explorar para atopar novas fontes buscando por temáticas. O acceso aos novos contidos pode facerse de maneira xeral ou por fontes ou coleccións de fontes.

Como funcionalidades interesantes cómpre destacar que permite ler fontes directamente a partir dos resultados de Google, definindo unha busca tipo. Por outra banda, permite definir filtros de busca complexos entre as fontes, marcando varios parámetros a un tempo. Outra opción é buscar fontes similares a calquera das que temos xa engadida, ou crear a nosa propio canle de difusión, engadindo artigos, e que podemos organizar con cartafoles e etiquetas.

A posibilidade de crear a nosa propia canle de difusión e engadir nela os artigos que atopemos doutras fontes ten unha aplicación inmediata na curación de contidos que podemos filtrar desta forma, para compartir posteriormente ben cos nosos contactos na rede social de Inoreader ou ben de forma pública.

Como tamén é un servizo web 2.0, podemos acceder tanto ao lector como ás webs gardadas dende outros dispositivos ou dende o noso equipo de escritorio. Dispón dunha aplicación ou app para os principais sistemas operativos móbiles (Android e iOS), sendo tamén accesible dende a web e con tema gráfico para móbiles.

Captura de Inoreader

 

Mini-titorial da versión web de Inoreader

 

Icono urlSitio web oficial de Inoreader.

 

 

Ideas para usar a subscrición de contidos en educación

  • Subscrición a páxinas web relacionadas coa materia/curso. O uso máis evidente, permite seleccionar e permanecer ao día das publicacións en todos aqueles sitios web con contidos relacionados co curso/materia ou outro eido educativo a tratar, incluíndo calquera sitio web, portais educativos, blogs, podcast, canles de vídeo, revistas e xornais en liña, etc.
  • Facilitar o desenvolvemento do PLE persoal do estudante. Deseñar actividades onde cada estudante se subscriba aos sitios que considere máis relevantes para enriquecer o seu PLE ou Contorno de Aprendizaxe Persoal.
  • Subscrición a hashtags e perfís de redes sociais. Moitas redes sociais permiten subscribirse tamén a perfís concretos de usuarios ou grupos e a hashtags ou etiquetas temáticas destacadas dentro da propia rede, facilitando o seguemento tamén dos contidos publicados en redes sociais.
  • Publicación dos contidos da aula. A través dunha ou varias canles de subscrición o educador/a pode transmitir os contidos aos estudantes dende varias fontes de xeito que todos os alumnos/as poidan permanecer informados dende un único punto: o lector ou agregador de novas (feeds).

 

 

Máis ferramentas e guías

 

 





Gabit © 2024, todos os dereitos reservados.


Gabit es e-learning, formación, publicación de cursos moodle, diseño web innovador y community management desde Galicia.