Xogos populares e tradicionais (I)

 

 

Xogo tradicional

 

 

Iniciamos unha serie de artigos que irán recollendo diferentes xogos tradicionais galegos. Son unha colección de xogos e actividades para os máis pequenos que serven tanto para facer un pouco de exercicio como pasar un ratiño divertido.

 

 

As lombas

Xogo das lombasAs lombas son un xogo entretido para o que non se precisa ningún material adicional e pode participar calquera número de nenos e nenas. Neste xogo o primeiro xogador inclínase dobrado polo lombo apoiándose cos brazos no chan ou nos xeonllos e mirando para abaixo. Os demais rapaces vanse colocando detrás para coller carreriña e saltar sobre el apoiando as mans no seu lombo. O que acaba de saltar colócase na posición do primeiro, e cómpre que deixe uns pasos de distancia, xa que o seguinte compañeiro precisa espazo suficiente para brincar sobre os dous compañeiros, primeiro un e logo o outro. O terceiro deixará unha distancia similar e poderá saltar as lombas un novo compañeiro/a e así sucesivamente. Cando xa non queda nadie por saltar, o primeiro pode poñerse en pé e saltar sobre todos os demais compañeiros, logo se erguerá seguinte na fila e pouco a pouco irano facendo todos en cadea.

Deste xeito os rapaces practican saltos, coordinación e xogo en equipo, dando como resultado unha actividade moi completa.

 

 

O Brilé

Xogo do brilé

O brilé é un xogo para dous equipos, polo que cómpre xuntar un mínimo de entre 6 e 10 xogadores, se ben poden ser moitos máis sen problemas. O material necesario é unha pelota de goma, a ser posible non moi dura. Xogáse nun campo ou pista de xogo que se divide en catro zoas. Se a pista é de area é o ideal pois permite marcar as zoas de xeito doado. Cada equipo se porá na zoa central que lle correponda, tendo outra zoa de "brilados" xusto detrás do equipo contrario. A dinámica do xogo é lanzar a pelota para atinarlle nalgunha parte do corpo a un xogador do equipo contrario que pasa a estar "brilado". O xogador "brilado" vai cara a zoa de "brilados" ata que todos os xogadores dun equipo pasen a estar nela momento no que o outro equipo gaña a partida. Se un xogador pode coller a pelota que lle lanza o outro equipo coas dúas mans sen que esta lle caía ao chan, recupera a posesión para o seu equipo e pode lanzarlla ao equipo contrario. Cando hai xogadores dos dous equipos nas zoas de brilados o xogo queda máis completo, pois poden coller o balón e lanzalo dende os dous sentidos, ou facer xogadas en equipo.

Esta actividade é moi lúdica, favorecendo a coordinación e o xogo en equipo, sendo de novo un exercicio moi completo.

 

 

Xogo das bólas: O gua

Xogo das bólas: O guaCoas bólas ou boliñas pódense facer moitos xogos, un deles é o gua. O gua é un pequeno oco ou furado no chan que se pode facer co pé na terra ou area. Neste xogo o recomendable é que participen 4-5 rapaces. Faise unha raia a dous ou tres pasos do gua e dende alí comezan os participantes lanzando as súas bólas onde lles pete. A continuación e por turnos ou ata o primeiro fallo, trátase de eliminar as bólas do contrario batendo nelas coa propia (ou nunha bola designada a tal efecto, normalmente de maior tamaño), según a variante en 6 ou 9 toques. Por exemplo no caso dos seis toques cada golpe ten os seguintes nomes: Primeira, Truque, Matruque, Pés (a bola debe quedar afastada dous pés da que bateu), Paso bóla (debe alonxarse a outra bóla do gua) e Gua (cómpre que a bóla contraria entre no Gua). Se un xogador completa os 6-9 toques segundo se acorde, e queda coa bóla do compañeiro.

Tratase dun xogo entretido, con moita estratexia e moitas variantes, que os rapaces poden adaptar ao seu gusto.

 

 

Referencias

  • Chirlomirlos. Enciclopedia dos xogos populares. Do autor Antón Cortizas. Ficha do libro en Amazon.
  • Portal do Profesor. Do goberno de Brasil. Imaxes e descrición dos xogos equivalentes en Brasil e Portugal. Sitio web oficial.

 

 

A colección

 

 

 





Gabit © 2024, todos os dereitos reservados.


Gabit es e-learning, formación, publicación de cursos moodle, diseño web innovador y community management desde Galicia.